Adega
INICIO Áreas temáticas Litoral Problemas e riscos de contaminación nas Rías Galegas - Problemas e riscos de contaminación nas Rías Galegas - Páxina 2
Problemas e riscos de contaminación nas Rías Galegas - Problemas e riscos de contaminación nas Rías Galegas - Páxina 2 PDF Imprimir Correo-e
Indexar artigo
Problemas e riscos de contaminación nas Rías Galegas
Problemas e riscos de contaminación nas Rías Galegas - Páxina 2
Problemas e riscos de contaminación nas Rías Galegas - Páxina 3
Todas as páxinas

Contaminantes tóxicos e persistentes

Mais preocupante que a contaminación por matéria orgánica biodegradábel e por nutrientes é a contamianción por substáncias tóxicas persistentes, como poden ser os metais pesados ou moitas substáncias orgánicas non biodegradábeis. Estas xeran-se artificialmente nos procesos industriais, e tamén se coñecen como substáncias xenobióticas, é dicer, alleas aos seres vivos. A normativa europea clasifica as susbtáncias perigosas en duas listas, a lista negra e a lista gris, segundo o seu grado de perigosidade, determinado en función da toxicidade, persisténcia e bioacumulación no meio acuático, entre outros factores. A lista negra inclue as seguintes famílias de substáncias: organoclorados e organo-haloxenados en xeral, organofosforados, compostos orgánicos do estaño, substáncias canceríxenas ou mutaxénicas en xeral, compostos de cádmio e mercúrio, aceites minerais e hidrocarburos, e cianuros. Na lista gris incluen-se sunstáncias cun efeito nocivo claro, ainda que inferior ao das anteriores, entre elas o cobre, o zinc, os compostos do chumbo, os metais radioactivos, etc.
Nos mercados europeus comercializan-se actualmente unhas 100.000 substáncias químicas, das que a UE ten clasificado unhas 5.000 como perigosas para o meio ambiente e para a saude. O problema das substáncias tóxicas ten-se convertido asi nunha das principais prioridades ambientais en Europa. Sen embargo, a cousa non queda aí: un recente estudo realizado pola Axéncia Danesa do Ambiente eleva a 20.000 o número de substáncias perigosas, despois de investigar un total de 50.000 substáncias comercias. Alén dos seus efeitos nocivos, o principal aspecto en común destas substáncias é o pouco ou nada que se coñece delas, devido a que entran no mercado sen ningún tipò de avaliación de riscos ambientais ou sanitários (Chemical Awareness, 2000).

Un dos principais factores de contaminación no noso litoral está nas diferentes operacións realizadas co petróleo e derivados. O petróleo crú contén miles de substáncias; entre elas, os hidrocarburos poliaromáticos (PAH) están consideradas como o grupo de componentes mais tóxicos. O contido en PAH dun petróleo é variábel, e algúns produtos derivados como o gasóleo ven-se enriquecidos en PAH. Aínda que os componentes do petróleo son mui voláteis, atopan-se concentracións anormalmente elevadas de hidrocarburos incluso nas rutas de navegación intensa, e sobre todo nas proximidades das áreas de manexo frecuente do petróleo e os seus derivados: peiraos, refinarias, estacións de servizo, etc.

Os efeitos do petróleo e os seus componentes sobre os seres vivos son coñecidos desde hai tempo, pero non co suficiente detalle. Estudos recentes empregando ovos e larvas de bacallao confirmaron diferentes efeitos negativos sobre esta espécie, en concentracións inferiores ás até agora consideradas letais: mortandade de larvas, menor crecimento, deformacións, reducida vitalidade e merma da capacidade de sobreviver nas etapas posteriores de desenrolo do peixe.

Son escasos os dados sobre a contaminación por compostos tóxicos persistentes. Estudos realizados na Ria de Vigo indican que esta contaminación non é xeralizada (Pérez F. e Vila, 2000). Os niveis de hidrocarburos disoltos na auga son relativamente baixos na maioría dos puntos estudados, exceptuando zonas de grande trasfego marítimo e zona de asteleiros e varadeiros onde os niveis son preocupantes polo altos contidos de hidrocarburos (22 ppb). Os niveis de clorobifenilos nos sedimentos nas zonas portuarias tamén acadan altos valores (150 ppb).
En Galiza ten habido repetidos accidentes catastróficos de grandes petroleiros que verteron a sua carga nas proximidades da nosa costa, e que destruiron importantes bancos pesqueiros e marisqueiros no noso litoral. Porén, cabe resaltar o feito de que, a nivel mundial, estes grandes accidentes só contribuen co 10-15% do petróleo vertido aos mares, mentres que a maior parte se verte desde terra de forma directa ou a través dos rios. Pero temos que resaltar que máis do 33% da contaminación mundial por petróleo procede dos trasfegos debidos a inumerábeis perdas motivadas por pequenos erros ou por práticas irrespeituosas: aí temos o lavado de sentinas no mar e os escapes desde buques e peiraos.

Neste sentido, a proliferación de instalacións que manexan derivados petrolíferos constitue un risco de grande importáncia para a deterioración futura das augas e do conxunto das rias. Hai unha refineria de petróleo en A Coruña, instalan-se estacións de servizo nas rias de Arousa, de Vigo, un posíbel porto petroleiro exterior en Ferrol, etc: todo o litoral está potencialmente afectado


Os metais pesados son tamén contaminantes xenobióticos que se acumulan na cadea trófica e nos sedimentos mariños. Os animais mariños presentan un factor de concentración de 3300 para o As, 4500 para o Cd, 400-7000 veces para o Cu, 1400 para o Pb, e 1000-10000 veces para o Hg (Pérez F. e Vila, 2000). Nas zonas urbanas da Ría de Vigo observa-se unha forte contaminación por Pb e Cd (1 a 1.5 ppb de Cd e 200-250 ppb de Pb na zona portuaria) motivada pola actividade industrial e tráfico terrestre; mentres que na Ría de Arousa os niveis de Cr son altos (200-350 ppb) e gardan relación coas indústrias de curtidos de peles. Un estudo mais recente (Carballeira, 1997) realizado para un total de 44 áreas do litoral, determinou os níveis de fondo para os seguintes metais: Co, Cu, Cr, Ni, Zn, Pb, Mn e Fe e chegou ás seguintes conclusións sobre a existéncia de zonas contaminadas: nove das áreas estudadas presentan contaminación “considerábel” ou “mui alta”, xa que presentan concentracións dalgúns metais pesados de 3 a 12 veces superiores aos correspondentes níveis de fondo ou concentracións naturais. Estas áreas son as seguintes:

  • A Coruña: contaminación mui alta para o cobre, moderada para o cinc e chumbo
  • A Xunqueira-Noia: contaminación considerábel para o cobre
  • A Póboa: contaminación considerábel para o cobre
  • Rio Ulla: contaminación considerábel para o cromo e cobre
  • Vilanova e Cambados: contaminación moderada para o cobre
  • Pontevedra: contaminación considerábel para o cobre
  • San Simón: contaminación mui alta par ao chumbo
  • Redondela: contaminación considerábel para o cobre
  • Samil: contaminación mui alta para o chumbo, cinc e cobre; considerábel para o cromo

Unha análise mais complexa realizada polos mesmo autores (Carballeira et al, 1997) chega á conclusión de que o risco ecolóxico potencial só é apreciábel, entre moderado e considerábel, para as seguintes rias: Viveiro, Cedeira, Ferrol, A Coruña (Ria do Burgo), Ria de Arousa, Ria de Pontevedra, e Enseada de San Simón e Samil (Ria de Vigo). Estas áreas coinciden con aglomeracións urbanas e industriais de importáncia.
Este estudo non analisou as concentracións de mercúrio, un dos metais pesados mais tóxicos e que presenta altas concentracións na ria de Pontevedra. A contaminación nesta ria define-se como mui alta, xa que as concentracións de mercúrio en vários pontos próximos ao complexo Ence-Elnosa supera en mais de 50 veces os níveis atopados noutras rias. Con valores 4-8 veces superiores aos de referéncia, a contaminación segue sendo considerábel ou mui alta en zonas mais alonxadas, como é a praia de Lourido (Cela et al, 1992).

Ademáis do mercúrio procedente de Elnosa, as celulosas como a de Pontevedra xeran mais de mil substáncias orgánicas tóxicas, das que se identificaron ao menos unhas tres centas, entre elas taninos, ácidos resínicos, fenois, clorofenois e outros organoclorados incluidas as dioxinas, etc. Moitas destas substáncias son de difícil biodegradación e acumulan-se nos sedimentos e no corpo dos organismos mariños. O branqueo da pasta de celulsoa con cloro e derivados é unha das causas desta perigosa contaminación. Sen embargo, non nos consta que se fixeran estudos sobre a contaminación por este tipo de substáncias na Ria de Pontevedra.
Por último, faremos referéncia a un estudo detallado da situación da Ria de A Coruña ou Ria do Burgo. Esta ria presentou as maiores perdas de produtividade marisqueira ao longo das últimas décadas, razón pola cal a Xunta de Galicia realizou a comezos dos noventa un estudo da contaminación e das posibilidades de recuperación. Atoparon-se elevadas concentracións de mercúrio, prata e cobre nos sedimentos da ria, sendo estas mais altas na zona interior e sobre todo na parte sur, pero que afectan a toda a ria, agás os bancos areosos do norte. Os hidrocarburos poliaromáticos (PAH) constituen o segundo grupo de contaminantes en importáncia, seguidos dos policlorobifenilos (PCB). Os sedimentos a profundiades de 1-1,25 m tamén se achan contaminados. A táboa 2 resume algúns dos dados.

 

Táboa 2. Contaminación nos sedimentos da Ria do Burgo (A Coruña)

Conta-minante

Conc. ppm

Gradiente

Incidéncia por áreas (identificadas no estudo)




A,E,F

B

C,D

G,H

I,J

K

Mercúrio

0,15-12

Diminue cara ao exterior

***

***



*



¿?

***

**

Cobre

6,6-280

Diminue cara ao exterior

***

***



***

**

Prata

0,2-2,7

Idem

-

-



-

-

PAH

0,1-4,4

Aumenta cara ao exterior

¿?

***



**

**

PCB

0,01-0,054

Variábel

**

**



***

**

***Alta contaminación; **Contaminación regular; *Baixa contaminación; ¿?Sen conclusións

Do total de mostras de sedimentos analisadas, e por comparación coa normativa holandesa, chegou-se a conclusión que o 71% dos sedimentos presentan unha contaminación entre moderada e severa, resultando conveniente rexenerar o meio mediante a retirada dos sedimentos e o seu almacenamento exterior (non se poden destinar a outros usos nen dispersar na auga) e vixiáncia.

As repetidas mareas negras causadas por vários accidentes de petroleiros, pero sobre todo os frecuentes escapes que dan lugar a pequenas mareas negras e manchas de fuelóleo case cotidianas son as causas principais da contaminación por PAH, mentres que os metais pesados proceden de antigas indústrias, hoxe xa inexistentes, localizadas na marxe sur da ria.

Por outra banda, a maior parte dos sedimentos da ria son demasiado finos en relación cun bo substrato para a produción marisqueira. A falta de area e o incremento das arxilas nos sedimentos considera-se unha consecuéncia da elevación do nivel do mar e, sobre todo, dos efeitos da presa de Cecebre. Esta retén nos seu interior as fraccións mais pesadas dos sólidos en suspensión fluviais (areas) mentres arrasta as mais lixeiras, que despois sedimentan na ria.



 


ADEGA