Adega
INICIO Áreas temáticas Globalización ADEGA e a Globalización
ADEGA e a Globalización PDF Imprimir Correo-e
Envia ADEGA e a Globalización a FaceBookEnvia ADEGA e a Globalización a Twitter

A deterioración ambiental que sufre o noso planeta expresase como contaminación, perda da calidade dos recursos e esgotamento dos mesmos, ademais de cataclismos e catástrofes de diversa índole e unha pobreza crescente.

O ecoloxismo non pode permanecer alleo ao problema da miseria, manifestado pola caréncia dos recursos mínimos para unha vida digna por parte dunha grande porcentaxe da poboación do planeta. O direito básico á vida está a ser negado polo actual modelo político-económico-social a millóns de persoas.

A inxustiza e a deterioración ambiental teñen pois unha raiz común e a particularidade de que unha reforza a outra, ou a existéncia dunha reforza as consecuéncias negativas da outra. Estamos diante dun modelo claramente insustentábel, tanto desde o ponto de vista estrictamente ambiental como social, insustentabilidade que se pon de manifesto a cada paso dunah forma mais nídia. Sen recorrermos á base mesma do modelo de produción-consumo imperante, o capitalismo, todo isto non teria explicación.

Globalización neoliberal e deterioración ambiental

A mundialización supón hoxe a dominación do sistema económico capitalista sobre o espazo mundial, nun proceso guiado por organizacións multilaterais como o FMI, BM, OMC..., que estimulan, orientan, financian ou impoñen as directrices a seren adoptadas polos Estados, sen prexuizo de que estes organismos respondan aos intereses das transnacionais e dos paises dominantes.

O actual proceso de globalización consiste ante todo nunha exacervación da acumulación capitalista; exacervación que se realiza por diferentes vias, entre elas a expansión das áreas de negócio a todo o planeta (expansión xeográfica que sobrepasa os Estados), e o incremento do montante monetário dunha mesma operación, dunha mesma infraestructura ou dun mesmo servizo. Ambos os dous princípios actuan de forma combinada: os axentes da acumulación internacional só promoverán solucións que podan aplicar de forma uniforme en amplas rexións do planeta, mui por acima dos actuais lindes estatais; e de entre as posíveis solucións, elixen aquelas que centralicen máis capital, incluso aquelas máis caras.

Estamos nun momento histórico no que se acaba optando “democraticamente” por solucións caras e pouco satisfactórias: de elevado custo e tecnoloxia (nucleares, incineración, transxénicos, autoestradas, avión, AVE, automóbil...), xa que a tecnoloxia mostra un elevado potencial para a centralización e a acumulación, de reducido emprego, e que se podan aplicar en amplas rexións (solucións que non requeren adaptacións locais, culturais, ambientais, etc).

Se o actual proceso de globalización conduce a solucións uniformes, caras, de tecnoloxia dura e reducido emprego, a conservación do meio ambiente entra directamente en confrontación con este modelo: as solucións ecolóxicas requeren unha forte adaptación local e tecnoloxias brandas, ao tempo que adoitan ser redistributivas e criadoras de emprego.

O actual proceso de globalización neoliberal é socialmente non sustentábel (inxusto). Algúns índíces sócio-económicos son ben elocuentes do camiño que estamos a percorrer: Calcula-se que en 1820 o 20% máis rico da povoación mundial gañava 3 veces máis que o 20% máis pobre; en 1870 era de 7 a 1, en 1913 de 11 a 1, en 1960 de 30 a 1, en 1990 de 60 a 1, en 1997 de 74 a 1. Nada menos que 80 países teñen hoxe unha renda inferior á que tiñan hai unha década. O 20% máis rico da povoación mundial controla o 86% do PIB e o 82% das exportacións mundiais.

Asi mesmo, o actual proceso de globalización neoliberal é ambientalmente non sustentábel. De 1990 até 1995 cada ano desapareceron 101.724 quilómetros cadrados de bosque, e as emisións de dióxido de carbono per-cápita pasaron de 11,9 tm a 12,3 tm. A perda de biodiversidade non se lle atopa fin, e os tímidos obxectivos de Kioto de reducir as emisións con efeito invernadeiro aparecen agora rexeitados pola principal poténcia económica do planeta, mentres os científicos do ICP anuncian que o aquecimento do planeta poder ser o doble (mais de 5 ºC) do previsto.

O incremento da industrialización e o crecimento económico leva a un incremento na xeración de resíduos. Os paises ricos, cun PNB 25 veces superior ao de muitos paises do terceiros mundo, xeran 150 veces mais resíduos per cápita. A conclusión é clara: non é posível universalizar o actual modelo económico dos paises indutrializados, por simples razóns de eqilíbrio ecolóxico ou de pura supervivéncia.

Outro índice clarificador é o da pegada ecolóxica. Os recursos do planeta estiman-se actualmente en 2,1 hectáreas per capita, pero o uso promédio en todo o planeta é de 2,8 hectáreas per capita, por tanto, un 33% por acima do equilíbrio que indicaria a sustentabilidade. Pero mentres a maioria dos paises consumen menos de unha hectárea per capita, os paises industrializados están a deixar unha pegada ecolóxica de mais de 5 hectáreas per capita, e incluso de mais de 10 no caso concreto dos EE.UU.

A mundialización das relacións e os intercámbios económicos encerra en si mesma aspectos ambientalmente negativos (mobilidade crescente de mercadorias e persoas), dificiles de evitar en calquera modelo económico que se considere. As limitacións á mundialización aplican tamén á mobilización e participación na reivindicación anti-globalización a escala planetária.

 

Denúncia do empobrecimento e a perda de recursos atónomos

Neste excenário, en parte novedoso, o ecoloxismo ten que reafirmar-se nalgunhas das suas análises, reorientando outras e priorizando axeitadamente as actuacións mais urxentes.

Así, consideramos necesário prestar maior atención aos problemas de desigualdade social e á perda irreversíbel de recursos autónomos, desencadeada polo actual proceso globalizador, e que se está extendendo a extensas rexións e poboacións de todo o planeta. Por tanto, reafirmamo-nos na loita contra:

  • O crescente impacto ambiental das actividades económicas e sociais, a nivel local e planetário

  • As crescentes desigualdades sociais, en todas as escalas, tanto local como planetária

  • A mercantilización do mundo, dos recursos naturais e das relacións sociais

  • O imperialismo: o domínio duns países sobre outros e duns grupos sobre a poboación en xeral

  • A guerra e a imposición de gobernos non democráticos

  • A dívida externa e as relacións económicas desiguais

 

Principios de actuación do ecoloxismo diante da globalización

  • A SOLIDARIEDADE: O recoñecimento da globalización social alternativa: a globalización dos direitos humanos, os direitos laborais, ambientais, etnicos, etc, interpretados dacordo coas culturas próprias de cada povo

  • A DIVERSIDADE BIOLÓXICA E CULTURAL: valoradas como expresións positivas da natureza e das persoas e povos, o respeito ás mesmas e a sua perservación

  • A NON VIOLÉNCIA: A acción política e social e a reivindicación mediante métodos non violentos, sexan legais ou non legais como a desobediéncia civil

  • A prevención e a precuación: como princípios básicos de antecipar-se e solucionar os problemas ambientais derivados das actividades humanas

  • O DESENVOLVIMENTO AUTOCENTRADO: A autonomia e a independéncia dos povos e das comunidades como única aportación duradeira e equitativa ao desenvolvimento humano.

  • O PRINCIPIO DE ACTUACIÓN LOCAL: a vixéncia do lema "pensa global, actua local", diante da consideración de que tanto os problemas globais como as mellores solucións aos problemas locais requeren dun pensamento global e livre, e de que todas as solucións se han de viabilizar a nivel local.

  • A comunidade propria e o povo ou nación: como ámbito idógneo para a realización dun modelo de desenvolvimento sustentábel. Somos cidadás do mundo para o coñecimento e a solidariedade, pero só podemos ser plenamente cidadáns do noso povo ou nación.

  • A CIÉNCIA E A TECNOLOXIA AO SERVIZO DA HUMANIDADE: algunhas aplicacións tecnolóxicas han de ser limitadas ou mesmo proibidas na sua totalidade. A algúns exemplos xa clásicos (tecnoloxia nuclear, DDT e outros biocidas, CFCs, PCBs, chumbo nos combustíbeis...), teriamos que sumar agora muitas das aplicacións dos organismos transxénicos, por exemplo.

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 


ADEGA