Adega
INICIO Áreas temáticas Enerxía Alegacións de ADEGA aos novos Planos Eólico e Enerxético
Alegacións de ADEGA aos novos Planos Eólico e Enerxético PDF Imprimir Correo-e
Envia Alegacións de ADEGA aos novos Planos Eólico e Enerxético a FaceBookEnvia Alegacións de ADEGA aos novos Planos Eólico e Enerxético a Twitter
ener.jpg20 de xaneiro de 2008. ADEGA ven de apresentar alegacións aos novos Planos Sectorial Eólico e Plano Enerxético. Trátase de non cometer os mesmos erros que coa anterior planificación, fonte de graves perxuízos mabientais e sociais. Por iso, resulta chave subsanar as eivas do pasado facendo do aforro, a eficiencia e a suficiencia enerxética os eixos dunha nova política enerxética. Cómpre desvencellar o crecemento económico do medre da demanda enerxética, apostar pola alternatividade das renovábeis, socializando os seus beneficios e renunciando aos obxectivos produtivistas. Alegacions PLANO EOLICO.doc PLANO EÓLICO / Alegacions PLANO ENERXETICO.doc PLANO ENERXÉTICO

Encol dos aspeitos ambientais do novo PLANO EÓLICO, ADEGA coida que xa é tempo de realizar un estudo de impacto das sinerxias e efeitos ambientais no territorio afectado por instalacións eólicas, alén de revisar algunhas declaracións de impacto pouco rigorosas ou sesgadas realizadas ao abeiro da anterior planificación, nomeadamente no caso de espazos protexidos. Deberían estar excluídos do aproveitamento eólico todos aqueles espazos naturais obxecto dalgunha figura de protección legal alén dos LICs e ZEPAS da Rede Natura 2000. O novo Plano Eólico de Galiza debería incluir un plano especial de recuperación dos territorios da Rede Natura afectados e/ou ocupados por instalacións eólicas, con medidas como o resgate, a permuta e a non renovación das actuais concesións. De xeito xeral, e tamén para todos os parques eólicos existentes deberiase contemplar a posibilidade do repotenciamento obrigatorio para diminuir a densidade de aeroxeradores coa conseguinte renaturalización dos terreos afectados, antes de autorizar novas instalacións.
Non se deberían considerar por sistema e en todos os casos que os parques eólicos deban ser declarados de interese supramunicipal, interese público e utilidade social.
No tocante ao PLANO ENERXÉTICO, ADEGA fai as seguintes suxestións:
1. Sobre a xeración de electricidade Galiza exporta preto dun 40% da enerxía electrica xerada no seu territorio. Deseñar un horizonte de incremento da potencia de 5.000 MW, anque sexa a base de fontes renovábeis colide cun dos principios da sustentabilidade na xestión dos recursos: a auto-suficiencia. Coidamos máis acaída unha planificación enerxética na que o control sobre a demanda, o aforro e a eficiencia contribúan a desvencellar o crecemento económico do incremento da produción e consumo de enerxía. Neste horizonte, as fontes renovábeis deben, efectivamente desempeñar un papel fundamental, mais non unicamente como complemento ou engadido ás fontes non renovabeis: débese incidir no seu caracter de alternativas, ao carbón, derivados do petróleo e tamén gas natural. Neste senso, parécenos prioritario deseñar un modelo enerxético no que a alternatividade sexa un dos piares básicos, pondo en marcha programas de substitución efectiva de quilovatios “suxos” por limpos. Así, o gas natural debería servir de ponte cara un maior protagonismo das enerxías renovábeis no “mix” enerxético.
2. Gas natural: a administración debería contemplar dentro deste Plano Enerxético e a medio prazo, un proxecto orzamentado e temporalizado para o traslado da planta regasificadora de Reganosa en Mugardos ao seu primitivo emprazamento fóra da ría de Ferrol. ADEGA coida que actual administración galega debería desfacerse da hipoteca que supón este proxecto e non asumir pasivamente os riscos que comportan para o ambiente e a cidadanía unhas instalacións froito dunha planificación escurantista, interesada e trufada de irregularidades. Pensar en aumentar a actual capacidade da regasificadora até os 825.600 Nm3/h de GNL, manténdoa na súa actual situación, representa multiplicar o trafego de buques pola boca da ría e consecuentemente o risco de accidente nunha área de afección habitada por centos de milleiros de persoas.
3. Hidráulica: encol da hidráulica, deberiase incidir na revisión dalgunhas concesións de “minicentrais” feitas ao abeiro do anterior Plano Sectorial Hidroeléctrico que por estaren situadas en espazos de alto valor natural, por seren aprobadas con estudos e declaracións de impacto pouco rigorosas, ou por exercer unha elevada presión sobre o recurso, merecen resgatarse ou declarar a súa caducidade. Na nova planificación hidroeléctrica deberiase ter en conta o recollido na Lei 5/2006 para a Protección, Conservación e Mellora dos Ríos Galegos. Polo que atinxe á grande hidráulica, ADEGA propón, ao igual que para a mini-hidráulica, a paralización efectiva da construcción de novas instalacións e a inclusión neste Plano Enerxético un estudo de viabilidade económico-ambiental que contemple a medio prazo a retirada dalgunha das instalacións máis agresivas ou daquelas que non resposten a razóns de interese xeral na xestión do dominio público hidráulico, consonte o establecido na Directiva 2000/60/CE (Directiva Marco da Auga).
4. Biomasa e biogás: a contribución destas fontres á xeración de electricidade e calor debería orientarse preferentemente á recuperación da enerxía de determinados subprodutos agrícolas e gandeiros no ámeto local e doméstico. Con todo, aproveitamento da biomasa non debería ter como primeiro obxectivo a producción de enerxía senón o reciclado dos materiais (compostaxe) para permitir incorporación dos seus compoñentes aos ciclos naturais do carbono e do nitróxeno.
5. Biocombustíbeis: deberíase excluir a implantación de cultivos enerxéticos en Galiza, primando a produción a partires do reciclado de materiais locais (subprodutos forestais, aceites usados…)
6. Solar: para a solar fotovoltaica, non se debería permitir a implantación de grandes instalacións de producción industrial sen contar cunha planificación previa (Plano Sectorial), que garanta o interse social e a sustentabilidade ambiental dos proxectos e desterre a especulación, como ocorreu no caso da ernerxía eólica. Neste senso, deberiase excluir de calqueira aproveitamento solar industrial os espazos protexidos e os contornos de alto valor paisaxístico ou patrimonial. O presente Plano Enerxetico debería incluir tamén un plano de fomento da enerxía solar (térmica e fotovoltaica) a nível doméstico, con obxectivos cuantificados e temporalizados e debidamente orzamentado, xa que a actual dotación económica que o INEGA e o IDEA dispón para este conceito resulta claramente insuficiente dada a crecente demanda social destes sistemas e as condicións que establece o novo Código Técnico da Edificación.
7. Xeotérmica: determinadas zonas do noso país teñen tamén un alto potencial xeotérmico que sería preciso cuantificar para facilitar o seu aproveitamento en instalacións domésticas e outras a pequena escala (edificios públicos), orientadas preferentemente á xeración de calor.
8. Aforro: o previsto plano de aforro debería estar orientado preferentemente a aqueles sectores económicos con maior demanda enerxética, alén das administracións públicas, e debería excluir a subvención directa. A Xunta de Galiza debería poder intervir sobre a política tarifaria aplicada aos grandes consumidores industriais, moitos deles asociados á queima de recursos non renovábeis e altamente contaminantes, responsábeis de boa parte das emisións de GEIs de Galiza.
9. Implicación da sociedade: o compromiso da cidadanía é chave para virar cara a sustentabilidade o actual modelo enerxético. Por iso é preciso complementar o Plano Enerxético cun plano de divulgación social e educación ambiental acorde coa crecente co-responsabilización da cidadanía na xestión dos recursos naturais. Mais antes, é preciso que as institucións públicas de exemplo e desenvolvan medidas tendentes a millorar o aforro, a eficiencia e a suficiencia enerxética non só con actuacións directas (sobre a envolvente térmica, optimización de protocolos e automatismos, enerxías renovábeis), senón através dunha política de contratacións e concesións administrativas na que a sustentabilidade enerxética (através dunha análise do ciclo da vida ou da pegada ecolóxica) dos produtos e servizos adquiridos a terceiros sexa unha prioridade.
Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 


ADEGA