Adega
INICIO Áreas temáticas Enerxía A trama das renovábeis: negocio para uns poucos, impactos para todos
A trama das renovábeis: negocio para uns poucos, impactos para todos PDF Imprimir Correo-e
Envia A trama das  renovábeis: negocio para uns poucos, impactos para todos a FaceBookEnvia A trama das  renovábeis: negocio para uns poucos, impactos para todos a Twitter
minieuro.jpg 11 de maio de 2007. O alcalde de Chandrexa de Queixa, D. Francisco Rodríguez preside a empresa Hidroeléctrica del Rio Grande S.L. que ten por obxecto a construcción dunha minicentral dentro da Rede Natura e máis do futuro Parque Natural do Macizo Central. A primeira reflexión refírese á evidente incompatibilidade entre as políticas conservacionistas da actual Xunta e o proceder dalgúns concellos, orientados ao negocio da producción enerxética. Mais este caso é só a punta dun iceberg, a coñecida como "trama das renovábeis" actualmente investigada pola Fiscalía, onde aparecen alcaldes-promotores, empresas pantalla, concesións irregulares, "pelotazos" especulativos...

Concretamente, o proxecto da minicentral de Chandrexa comeza coa concesión dun aproveitamento a Hidroeléctrica del Rio Grande S.L., empresa na que constan como administradores David e Javier Castro Valdivia, irmáns do imputado pola Fiscalía Luis Castro Valdivia. O proxecto da obra e o estudo de impacto ambiental está realizado por IMEGA S.A. (Ingenería Medioambiental de Galicia) na que o 50% das accións son propiedade de Luis Valdivia S.L., empresa da que o administrador único é Luis Castro Valdivia.
A Hidroeléctrica do Río Grande levanta sospeitas polo escuálido do seu capital social (de 3.100 €) e por estar investigada pola Fiscalía na trama da concesión “irregular” de licenzas. Esta mínima capitalización é un dos elementos que fan sospeitar desta empresa. O capital social responde pola empresa en caso de perdas: non é nada recomendábel confiar en empresas que dispoñen de baixo capital social cando realizan obras de alto presuposto, porque poden ser tapadeira de movementos especulativos e carecen de garantías. A concesión de proxectos a empresas que non contan con solvencia nin avais para asumir un elevado volume de investimento é un dos estremos investigados pola Fiscalía.
As enerxías renovábeis están altamente subvencionadas pola Unión Europea (até o 80%) polo que é fácil pasto de especuladores que se aproveitan destas vantaxes económicas. Hidroeléctrica do Río Grande, S. L. ten sede na Casa do Concello de Chandrexa, segundo declarou o propio alcalde a El País, e ten unha participación pública do 10%. De quen é o 90 % restante?
Na memoria-resumo do proxecto desta minicentral facilitada a ADEGA polo Ministerio de Medio Ambiente, afírmase literalmente: “Hidroeléctrica del Río Grande S.L. empresa promotora del aprovechamiento, es una sociedad con participación importante del propio Ayuntamiento, ya que el presidente del consejo de Administración es el propio alcalde de Chandrexa de Queixa. Por lo tanto, buena parte de los beneficios redundarán directamente en los propios vecinos, en un municipio necesitado de muchos recursos por sus características poblacionales de edad, dispersión, emigración y baja renta per capita”.
No consello de administración da empresa aparece como Presidente o alcalde, e como administradores, David e Javier Castro Valdivia e Nuria González González, que aparecen en documentos oficiais como representantes doutras empresas enerxéticas propiedade de Luis Castro Valdivia, Servando Pérez Matías (concelleiro do Partido Popular de Chandrexa) e máis Eduardo Pita Quinteiro. Quen se reparte o 90% do accionariado privado?
O 20 de novembro de 2003 publícase no DOG a autorización do aproveitamento hidroeléctrico do río Grande e máis a subrogación da concesión de Hidroeléctrica del Mandeo S.L. a Hidroeléctrica del Río Grande S.L. Esta autorización asínaa Ramón Ordás Badía, cuñado de Luis Castro Valdivia, e daquela Director Xeral de Industria, Enerxía e Minas. A concesión da minicentral foi aprobada no 2004, e dende aquela só se fíxo unha escombreira como única obra até hoxe. Isto é unha práctica habitual nalgunhas empresas para xustificar o inicio das obras e evitar a perda da concesión por inactividade. Os terreos onde se fixo esta escavación son propiedade dun irmán do señor alcalde de Chandrexa, polo que resulta moi económico o inicio das obras. Agora solicítase unha ampliación dunha concesión a unha empresa que non ten a solvencia nin as garantías necesarias para levala adiante.
Por outra banda, o Concello de Chandrexa está promovendo a construcción do maior parque eólico de Europa en terreos da Rede Natura, futuro corazón do Parque Natural do Macizo Central. Din que o proxecto traerá moita riqueza pero o certo é que existen numerosas semellanzas con casos irregulares aparecidos noutros concellos e que trataremos proximamente. A maiores, no parque eólico de Chandrexa de Queixa, propiedade de IBERDROLA, están traballando 3 persoas. Dúas destas persoas son o fillo do señor alcalde de Chandrexa, Bernardino Rodríguez Vasallo e máis o fillo do ex-tenente de alcalde, Jesús Martínez Álvarez. Este feito amosa ben ás claras o “saber facer” do Concello de Chandrexa á hora de distribuir o emprego criado polas oportunas concesións e as suculentas subvencións das enerxías renovábeis.
ADEGA porá en coñecemento da Fiscalía e do UDYGA (Unidad de Drogas y Crimen Organizado) da Policia Xudicial estes feitos e toda a información da que dispón, para que este turbio asunto poida ser investigado e delimitadas as eventuais responsabilidades penais.
A modo de RESUMO:
1.- O estudo de impacto ambiental está elaborado polas mesmas persoas que realizan a obra.
2.- A empresa concesionaria está sendo investigada pola Fiscalía.
3.- Francisco Rodríguez Rodríguez figura como Presidente da empresa.
4.- Consta como administrador Servando Pérez Matías, concelleiro do PP en Chandrexa.
5.- Hidroelectrica del Rio Grande SL ten un capital social de 3.100 €.
6.- Solicítase ampliación dunha concesión que non comezou obras que xa foron aprobadas.
7.- Dous dos traballadores do Parque Eólico de Gamesa, construido en Chandrexa, son o fillo do alcalde e máis o fillo do ex-tenente de alcalde.
8.- Estase promovendo un parque eólico en Chandrexa dentro da Rede Natura e do futuro Parque Natural do Macizo Central que é claramente incompatíbel coa conservación dos valores naturais deste entorno.
Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 


ADEGA