A Rede Natura 2000 Imprimir
Envia A Rede Natura 2000 a FaceBookEnvia A Rede Natura 2000 a Twitter

A creación da Rede Natura 2000 é unha das principais iniciativas europeas para a conservación da natureza. A Rede Natura 2000 será unha rede de espazos naturais protexidos de ámbito europeo que incluirá os hábitats máis representativos do noso continente. A súa implantación é particularmente importante en zonas como Galiza, cun patrimonio importante de biodiversidade e carente dunha auténtica política de protección especial dos espazos naturais máis valiosos.

Os espazos incluídos na Rede Natura 2000 non serán “santuarios” ou “reservas” nas que se prohibirán ou se restrinxirán irracionalmente as actividades humanas. O obxectivo da Rede Natura 2000 é promover o aproveitamento ecoloxicamente sustentábel dos recursos naturais sen degradar o medio. Noutras palabras, fomentar un modelo de desenvolvemento socioeconómico compatíbel coa conservación da natureza, un modelo de desenvolvemento sustentábel.

A Rede Natura 2000 estará integrada por dous tipos de zonas: as Zonas de Especial Protección das Aves (ZEPA), xa designadas, e as Zonas de Especial Conservación (ZEC). As ZEC serán declaradas co obxectivo de garantir a conservación das especies e hábitats recollidos na Directiva 92/43/CEE sobre a conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres, aprobada en 1992, máis coñecida polo nome de Directiva Hábitats.

De momento, as ZEC aínda non foron designadas, polo que non podemos falar aínda, en senso estricto, de Rede Natura 2000. Nestes momentos estanse elaborando as listas estatais de Lugares de Interese Comunitario (LIC), a partir das cais designaranse as ZEC, por decisión conxunta entre os Estados membros e a Comisión Europea (o “executivo” da Unión Europea). A designación dos LIC, as zonas propostas para formar parte da Rede Natura 2000, é responsabilidade das Comunidades Autónomas.

De acordo co último “Barómetro Natura” da Comisión Europea, de abril de 2001, o Estado español propuxo 1.208 lugares para formar parte da Rede Natura 2000 (LIC), cunha superficie total de 115.505 Km2, o que supón o 22,9 % do territorio estatal. Xunto con Dinamarca, é o estado con maior porcentaxe de superficie declarada como LIC, o que é lóxico se temos en conta que no territorio español, que presenta unha elevada diversidade biolóxica, están representados o 60 % dos hábitats naturais e o 40% das especies animais ou vexetais protexidas pola Directiva Hábitats. No caso de Galiza, os LICs representan un 12 % do territorio.

Parte dos LICs son espazos litorais ou mariños. No caso de Galiza, foron propostos para integraren a Rede Natura 2000 a praia de As Catedrais, a ría de Foz, Estaca de Bares, a ría de Ortigueira, a Costa Ártabra, a Costa de Dexo, a Costa da Morte, Carnota, Louro, Corrubedo, o Complexo Ons-O Grove, Cabo Udra, a Enseada de San Simón, a Costa da Vela, as illas Cíes, as illas Estelas e A Ramallosa.

Alén das ZEPA e das ZEC, a Directiva Hábitats propón incorporar os chamados “corredores ecolóxicos”, esenciais para posibilitar a comunicación entre as diferentes poboacións das especies silvestres e garantir a súa viabilidade. As ribeiras dos ríos e os cumios montañosos son dous exemplos de “corredores ecolóxicos”.

A Rede Natura 2000 non debe ser vista como unha restricción ao desenvolvemento, como unha barreira para a mellora das condicións de vida das poboacións afectadas ou para o desfrute de forma respectuosa co medio de moitos dos nosos mellores espazos naturais. A Directiva Hábitats non prohíbe ningunha actividade concreta. É bastante ambigua sobre o que se pode considerar compatíbel ou incompatíbel, polo que depende en grande medida da vontade e da sensibilidad ambiental das Administracións e da presión social a consideración dun proxecto ou actividade como ambientalmente aceptábel ou non nunha zona Natura 2000. A xuízo dos ecoloxistas, proxectos do tipo de grandes infraestructuras enerxéticas ou de transporte non deberían ser permitidos.

Para protexer as zonas Natura 2000 as Administracións deben implementar Planos de Xestión e avaliar o impacto ambiental de cualquera proxecto con incidencia ambiental. As medidas para conservar as zonas Natura 2000 son cofinanciábeis pola UE, mediante instrumentos de financiamento xa existentes (Fondos Estructurais, Life-Natureza,...).


* Xosé Veiras García é Secretario Executivo de ADEGA e Responsábel da Área de Enerxía

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com