ADEGA Cadernos

Inicio / Números anteriores / Caderno nº 9 - Pesca...

Novembro 2002

Caderno nº 9 - Pesca sustentábel

Artigos do Caderno nº 9

Introdución

Xosé Veiras

Páx. 5

A catástrofe do Prestige pon de manifesto que a relación entre Galiza e o mar é intensa e non sempre feliz, xa antes, o estado de conservación do litoral galego era preocupante. Galiza é unha potencia pesqueira, pero a crise da sobrepesca ameaza o futuro do sector. Cómpre adoptar con sensibilidade ambiental e social, medidas que poñan fin ao notábel exceso de esforzo pesqueiro. Fronte á crise da pesca, e agora tamén como alternativa de desenvolvemento para as zonas castigadas polos desastre do Prestige, promóvese a acuicultura. Esta pode contribuír á sobrepesca e á degradación dos espazos naturais de elevado interese. Durante novembro de 2002, mes que ficará marcado na nosa historia por este accidente, ADEGA desenvolveu en diferentes localidades costeiras unhas xornadas preparadas nos meses anteriores baixo o lema “Galiza e o mar”. Neste número 9 e no número 10 de ADEGA-CADERNOS recollemos os interesantes relatorios presentados nestas xornadas.

Reforma da PCP: A visión dun patrón de pesca de baixura

Francisco Amado

Páx. 7-8

Demasiados barcos explotan os mesmos recursos e a pesca non é rendíbel á hora de respectar os ciclos biolóxicos destes. A PCP (Política Común Pesqueira) supuxo a entrada de axudas públicas para modernizar a industria, o que trae consigo unha desestruturación do sector, xa que estas axudas priman aos pescadores menos comprometidos coa conservación de tales recursos. Polo tanto, é preciso a regulación e o apoio público adecuado cara á sustentabilidade. Paralelamente, hai connotacións socioculturais na comunidade pesqueira que condicionan que, ademais do anterior, o pescador se vexa obrigado a pescar máis e máis. Canto máis pescas, máis importante es na túa comunidade! Pero…, desgraciadamente, menos solidario. Canto máis pescas, menos fica para os demais. O sector pesqueiro necesita axuda, pero non a que se lle ofreceu ata agora. En primeiro lugar, a explotación sustentábel dos recursos debe ser o centro da reforma da PCP, pois os pescadores non queremos vivir das axudas públicas senón do que vivimos sempre: dos recursos que nos ofrece o mar e que, se o xestionamos, nos dará de comer a nós e aos nosos descendentes.

Xestión sostíbel da pesca

Juan Freire

Páx. 9-27

Análise do problema da xestión pesqueira a nivel mundial extrapolado a Galiza a través da evolución das capturas pesqueiras e o estado actual destas con unha sobre-explotación e colapso abundante. Vemos como a comercialización é un problema para a xestión sostíbel e os efectos que este produce sobre os ecosistemas. Existen no mundo medio millón de pescadores industriais fronte a uns 12 millóns de pescadores artesanais, pero os primeiros capturan a mesma biomasa ou máis que os segundos. A pesca artesanal baséase máis no coñecemento e menos na técnica, factor que axuda a conservar ecosistemas. A acuicultura pode ter efectos ecolóxicos moi relevantes como a modificación de hábitats, introdución de novas especies…

O medio ambiente e a reforma da Política Común de Pesca

Raúl García

Páx. 29-38

España ten unha flota inmensa que pesca en todo o mundo, pero non somos os máis piratas do mundo, como se di. A reforma da PCP (Política Común Pesqueira) é unha oportunidade para reorientar a pesca. A campaña europea de pesqueiras de WWF ou ADENA ten como obxectivo principal axustar a flota á dispoñibilidade dos recursos. É preciso facer unha reforma da política pesqueira, de xeito que garanta o futuro da pesca a longo prazo. A maioría das especies estámolas explotando por riba das súas posibilidades e cada vez hai menos peixe, hai que investir máis cartos e hai que facer máis esforzos para pescar, sendo máis difícil gañar a vida no mar.

ADEGA Cadernos
Travesa de Basquiños, nº 9 baixo. 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email:adega@adega.gal