ADEGA Cadernos

Buscador

Formulario de busca

Xogo de simulación: Comunicacións do Morrazo

Grupo de Educación Ambiental da Asociación “O Carballal” Coordinador: Luis Mª Pérez González

Caderno nº 5 - Transporte e medio ambiente

Páx. 59-70

A intención deste xogo de simulación é dar a coñecer aos xoves a situación actual, provocar a súa reflexión e darlle a oportunidade de participar e tomar decisións nun asunto no que, doutro xeito, ninguén lle vai pedir a súa opinión.O xogo consistirá en simular na aula o debate que se podería producir na sociedade, entre os diferentes colectivos cidadáns que se consideran implicados no problema das comunicacións da comarca, sobre o que teñen distintos puntos de vista e ao que propoñen diferentes solucións. É aplicábel a grupos de 15 a 40 alumnos, pertencentes a niveis de E.S.O., B.U.P., C.O.U., etc.

Que é a compostaxe

Jorge Domínguez e Salustiano Mato

Caderno nº 6 - A compostaxe de residuos

Páx. 7-11

A compostaxe é, no sentido mais amplo, a redución biolóxica de residuos orgánicos a humus. Os seus restos das plantas e dos animais son atacados polos microorganismos e outros compoñentes maiores da fauna do solo e co tempo son reducidos a un substrato de aparencia terrosa moi beneficioso para o crecemento das plantas. A natureza está a fabricar compost dende que apareceu vida no noso planeta, moito antes de que os humanos camiñaren sobre a terra. O compost mellora a textura e a estrutura do solo, calidades que lle permiten a este reter os nutrientes, a humidade e o aire necesarios para manter boas colleitas. Ademais, aumentando a capacidade de retención da humidade do solo, o compost axuda a controlar a erosión que doutra maneira levaría a capa superior de solo que iría parar ás correntes de auga. O compost é a mellor reciclaxe dos desfeitos orgánicos, convertendo millóns de toneladas dos nosos residuos nunha fonte activa de nutrientes. Os residuos orgánicos poden ser eliminados mediante procesos químicos (incineración) ou físicos (vertedoiros), pero soamente cando se tratan a través de medios biolóxicos (compostaxe)se poden converter en nutrientes para as plantas, cerrando desta maneira o seu ciclo natural.

Tecnoloxías de compostaxe e filosofías de manexo do proceso

Carlos Pérez Losada

Caderno nº 6 - A compostaxe de residuos

Páx. 13-22

Á compostaxe débeselle recoñecer polo menos dúas innegábeis vantaxes: en primeiro lugar, o feito de estar especialmente indicada para tratar case calquera tipo de residuo orgánico biodegradábel e, en segundo lugar, que permita a posibilidade de levalo correctamente a cabo servíndose dunha tecnoloxía relativamente sinxela, barata e accesíbel, por tanto, a un amplísimo número de potenciais usuarios. A importancia da primeira vantaxe citada reside no feito de que a materia orgánica biodegradábel segue constituíndo a fracción cuantitativamente máis importante e cualitativamente máis problemática de todo o conxunto de residuos que producimos. A importancia da segunda é obvia: pódese levar adiante un bo proceso de compostaxe cuns medios sinxelos e unha baixa tecnoloxía. En relación a este último aspecto gustaríame insistir, unha vez máis, na conveniencia de non confundir “baixa tecnoloxía” con “tecnoloxía baixa ou pouco desenvolvida”. Resulta xa case habitual o escoitarmos dicir que o principal inimigo do compost foi, precisamente, o propio compost, curioso e desgraciadamente certo paradoxo qué compre superarmos. Efectivamente, a calidade media dos composts elaborados no noso país nas pasadas décadas deixou moito que desexar por varias razóns que atoparemos neste caderno.

Plantas de biogás para o aproveitamento da fracción orgánica do lixo

Manuel Soto Castiñeira

Caderno nº 6 - A compostaxe de residuos

Páx. 23-28

A dixestión anaerobia constitúe outra posibilidade de tratamento biolóxico dos residuos orgánicos e, a diferenza da compostaxe convencional, ten lugar en ausencia de osíxeno. O proceso é moi similar ao de compostaxe aerobia, polo tanto o seu produto é tamén un compost, que se pode madurar someténdoo a unha última fase aerobia. Ademais, obtense biogás, unha mestura de metano e outros gases, que se emprega como combustíbel en plantas de coxeración. Esta alternativa de revalorización enerxética non supón os problemas de contaminación ambiental que se achacan á incineración, ao tempo que seguimos conservando os nutrientes e a materia orgánica estabilizada presentes no compost producido, resultando ademais compatíbel coa reciclaxe do papel e dos plásticos.

Modelos de recollida selectiva de residuos nas cidades

Xosé Antonio González Ferreira

Caderno nº 6 - A compostaxe de residuos

Páx. 29-34

Por xestión de residuos sólidos urbanos enténdese o conxunto de operacións encamiñadas a dar o destino global máis adecuado ós residuos xerados nunha zona, dende os puntos de vista ambiental e sanitario, de acordo coas características dos mesmos. Nela pódense distinguir varias fases: prerrecollida, recollida, transporte e tratamento. A importancia, tanto dende o punto de vista económico coma sanitario destas fases, aconsella un pormenorizado estudo en detalle, cunha correcta planificación en canto a equipos mecánicos e humanos, frecuencia da recollida e horarios.

Autoxestión da fracción orgánica do lixo: A experiencia do Concello de A Illa de Arousa

Xosé A. González, F. Xavier Centeno, Anxélica Lemos e Carlos A. Vaamonde

Caderno nº 6 - A compostaxe de residuos

Páx. 35-39

O Concello máis novo de Galicia, apenas catro anos de vida, atreveuse a desafiar á inercia e propúxose unha forma sinxela e á vez avanzada de enfocar a xestión dos residuos. Elaborou un Plan e presentouno á convocatoria Life 97-98, sendo o primeiro Proxecto Life con relación ao lixo subvencionado pola UE en Galicia. Unha inversión duns cen millóns, dos que o Programa Life aporta 50.

ADEGA Cadernos
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email:adega@adega.gal