ADEGA

Inicio / Axenda / Outras actividades / Este venres, Folga estudantil polo Clima!...

24-05-2019

Este venres, Folga estudantil polo Clima! Apoiemos!

O estudantado da Coruña, Ferrol, Vigo e Compostela convocan unha folga estudantil contra o cambio climático o vindeiro venres 24 de maio, coincidindo coa convocatoria internacional do movemento “Fridays For Future”. Con esta folga pretenden dicirlle á sociedade e ao goberno que debe darse un cambio ecolóxico para garantir o seu e o noso futuro.

-A Coruña e Ferrol: A marcha partirá ás 19:00 h do Obelisco (A Coruña) para acabar diante do concello (Praza de María Pita), onde terá lugar unha posterior concentración.

-Vigo: Concentración na Farola de Urzáiz, ás 20:00 horas.

-Compostela: Concentración en Praza Roxa para as 20:00h.

Desde ADEGA partillamos as intencións, os obxectivos e o material de divulgación do estudantado ao que amosamos o noso total apoio e unímonos ao chamado de folga estudantil, animando ao resto da sociedade a apoiar estas marchas.

Así mesmo, compartimos a mensaxe de Fridays For Future A Coruña:

"Estamos vendo como o noso planeta se encamiña ao desastre polas malas accións e a indiferenza dos nosos gobernos. A xeración dos nosos pais está deixando que o cambio climático, a contaminación dos solos e augas, a extinción de miles de especies ou a destrución dos ecosistemas se converta nunha situación irreversible. O noso futuro está hipotecado para  que algúns sigan aumentando as súas fortunas. Os nosos bosques arden e os nosos polos se desxean para pagar os luxos duns poucos. Se amades aos vosos fillos, por qué deixades que isto aconteza diante dos nosos propios ollos? Por qué nos roubades o futuro?

Non é unha cuestión  ideolóxica, nin relixiosa, nin de nacionalidades. Aféctanos a todos os habitantes do planeta. É a maior crise á que nos podemos enfrentar e necesitamos tratala como tal. Con equidade e sen perder nin un minuto máis. Os gobernos  ignoráronnos. Decidiron non actuar. Pero quedaron sen escusas e nos sen tempo. Chegou o momento de cambialo todo.

#SenPlanetaNonHaiFuturo
#FridaysForFuture

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal