ADEGA

Inicio / Axenda / ADEGA / Participa na enquisa de Naturalmente diversas!

Do 11-03-2019 ao 15-05-2019

Participa na enquisa de Naturalmente diversas!

#NaturalmenteDiversas #ecofeminismo

Naturalmente diversas é un proxecto de ADEGA que ten como finalidade incorporar unha perspectiva feminista e sexodiversa nas actividades de Educación Ambiental (EA). Para acadar este obxectivo, o noso propósito é a elaboración dunha guía de boas prácticas que permita detectar e rachar estereotipos de xénero e situacións de desigualdade e de discriminación durante o desenvolvemento dunha actividade de EA.

Para afondar no contexto e coñecer o punto de partida, pareceunos interesante lanzar unha enquisa para recoller experiencias, situacións e sentires de discriminación ou exclusión, tanto de voluntarias e voluntarios, como de profesionais ou activistas que se dedican á educación ambiental. A enquisa tamén vai destinada a persoas que nunca se dedicaron á EA, co fin de saber se a falta de representatividade, o xénero ou a orientación sexual é un aspecto determinante para non participar nestas actividades.

Por estes motivos animámosvos a participar na enquisa de Naturalmente Diversas que atoparás na seguinte ligazón, co fin de construírmos entre todas un mundo e uns espazos moitos máis xustos e inclusivos. Non te levará máis dun minutiño en realizar a enquisa e desde ADEGA ficaremos máis que gratas en coñecer a túa experiencia.

Enquisa: https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSeuP75FObmPdR5j93aK27gIwZT5Qek9Hb1eX8PNDT0r1mU6ww/viewform

Grazas desde xa!

Os motivos e os obxectivos da guía

O paternalismo, os estereotipos , os roles de xénero ou a linguaxe, entre outras actitudes asumidas na sociedade patriarcal, son detonantes de situacións de discriminacións de xénero, de orientación sexual, de raza, etc na que a educación ambiental non é allea.

A Educación Ambiental é unha ferramenta de transformación social, cuxo obxectivo é procurar cambios individuais e sociais que provoquen unha mellora ambiental no medio, así como un mundo máis sostible, xusto e igualitario. Por iso, incorporar unha perspectiva inclusiva feminista e sexodiversa é máis que necesaria para acadar este obxectivo transformador da EA.

Para rachar con estas situacións, estamos a elaborar a guía Naturalmente Diversas, que ten como finalidade permitir ao monitorado dunha actividade de educación ambiental detectar discriminacións e dotarlle de ferramentas para acabar con estas prácticas. Tamén vai dirixida ás persoas voluntarias e activistas que queiran incorporar esta perspectiva no traballo desenvolto durante unha actividade de educación ambiental. Así, o principal obxectivo deste proxecto é a elaboración dunha guía de boas prácticas para evitar o machismo e a lgtbfobia, así como outras discriminacións, no eido da Educación Ambiental.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal