ADEGA

Inicio / Axenda / ADEGA / Obradoiro elaboración xabón de...

16-03-2019

Obradoiro elaboración xabón de cinza en Lugo

O vindeiro sábado, 16 de marzo, ADEGA-Lugo convídate a aprender a elaborar xabón de cinza con materiais naturais refugallo aos que pode dárselle novas utilidades. O primeiro obradoiro de ADEGA baixo a temática "O valor do refugallo" estará dedicado á elaboración de xabón de cinza. A actividade está aberta a todo tipo de públicos e será de balde.

A través desta actividade queremos demostrar que moitos dos elementos considerados refugallos nesta sociedade, na que prima o consumo de produtos adulterados, artificiais e desbotables, teñen aínda utilidade. Unha vez cumprida a finalidade principal para a que foron fabricados, pensamos que carecen de máis usos e rematan formando parte dos milleiros de toneladas de lixo xeradas día a día, pero outra forma de consumo é posible.  Así, baixo o título de “O valor do refugallo”, realizaremos unha serie de obradoiros co obxectivo de dar novos usos a estes “residuos”, recuperando vellas tradicións dos nosos antepasados e promovendo a fabricación artesanal de novos produtos cosméticos, medicinais, de limpeza ou hixiene persoal, a partir de materias naturais que xa non empregamos.  

O vindeiro sábado, 16 de marzo, comezaremos cun taller práctico para a elaboración de xabón de cinza de xeito ecolóxico e económico, a partir de tres elementos naturais básicos: cinza de madeira, auga e graxa. Un bo exemplo do poder limpador desta mestura vémolo cando imos de cámping, posto que se botamos cinza do lume e a mesturamos co aceite de fritir, podemos limpar a tixola de maneira incriblemente doada; isto é porque fixemos xabón. A explicación química deste feito é o proceso de saponificación, é dicir, os ácidos graxos que forman parte dalgúns lípidos ou graxas reaccionan cun álcali ou base (NaOH ou KOH), dando lugar a un sal de ácido graxo ou xabón. Neste caso, a cinza achega a potasa (KOH), máis suave e ecolóxica cá sosa (NaOH).

O uso da cinza como deterxente ou quitamanchas vén desde a antigüidade. Os primeiros rexistros atópanse en Babilonia, fai cinco mil anos, onde xa empregaban unha mestura de graxa fervida con cinza para a fabricación de xabón. Nalgúns textos litúrxicos do cristianismo menciónase o uso de cinzas e aceites para a  limpeza dos cabelos, e os fenicios, tamén utilizaban unha combinación de graxa e cinza para limpar as teas.

Como participar

A actividade estará aberta a todo tipo de públicos e será completamente de balde. Celebrarase no local de ADEGA-Lugo (Ronda das Fontiñas, 180 Entrechán), ás 16:30h, cunha duración aproximada de 3-4 horas.  

As persoas interesadas en participar, só teñen que inscribirse previamente, chamando ao teléfono 982 240 299 ou enviando un correo electrónico ao enderezo alba@adega.gal co seu nome completo e un teléfono de contacto.

Recoméndase que acheguen un pequeno recipiente ou molde para poder levar a mostra de xabón para a súa casa.

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal