ADEGA

Inicio / Axenda / Outras actividades / Axúdanos a recuperar e conservar o Castro...

Do 31-07-2015 ao 27-08-2017

Axúdanos a recuperar e conservar o Castro de Remonde!

Unha iniciativa popular para preservar e valorizar as nosa historia milenaria

O proxecto está promovido por ADEGA que para tal fin creou a Fundación Eira, focalizada no traballo e nos valores ambientais, ecolóxicos e culturais exemplificados na Eira da Xoana.

Dentro dos proxectos de custodia do territorio e adquisición de terras de valor ambiental e cultural, a Fundación Eira mercou Castro de Remonde para a súa custodia, posta en valor e preservación para o futuro. Pero, ademais, dende a Fundación Eira buscamos disponibilizar un espazo no que poidamos coñecer a evolución histórica da cultura e da paisaxe de Galiza, nucleado arredor espazo cultural e ambiental composto polo Castro de Remonde e o Castelo de Pambre.

O Castro de Remonde é un dos elementos dun importante contorno cultural da Ulloa que permite coñecer as transformacións na cultura e na xeografía galega desde a Idade do Ferro, pasando pola Alta e Baixa Idade Media, ata a sociedade tradicional do século XIX, todo nun territorio pequeno e accesíbel para todo tipo de públicos.

Coñecemento, formación e custodia

O proxecto, dirixido polo profesor Manuel Gago, da USC e especialista en xestión do patrimonio, estará orientado de forma directa e estratéxica cara a formación en todos os seus aspectos.

Cremos que o noso patrimonio cultural vai e pode xogar un importante papel na Galiza do futuro, e queremos construír no Castro de Remonde modelos innovadores tanto para a súa xestión como para a súa contribución aos nosos fillos/as e netos/as. A Escola de Patrimonio Cultural “Carme Buxán” será o núcleo deste proceso.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal